VERBUM TVcompartir:           


POÉTICAS PARA UNHA VIDA:

A segunda edición do certame de poesía Poéticas Para Unha Vida tivo lugar no Verbum no mese de maio de 2010 buscando transmitir a esencia poética dende a experimentación. Cando a poesía e a vida son inseparables até chegar a confundirse xorden propostas estéticas que arrincan desde o experiencial e que pretenden apoderarse do valor intrínseco da palabra para exercer o seu poder emancipador. A oralidade, a visualidade e a acción dotan á linguaxe dunha nova semántica do máxico, na que a liberdade de expresión circula a través de camiños de sensorialidade.

Non se trata de ilustrar á linguaxe senón de que este recobre a súa forza comunicadora, aínda a risco de escapar do xa publicado e por publicar, para finalmente quedar no aire, como breves composicións musicais que se perden. Poetas que dedican a súa vida á poesía. Poetas que se serven da poesía para loitar pola vida.

Poetas de recoñecida traxectoria e poetas que empezan a desenvolver unha linguaxe propia a través do vivencial. Tal foi o criterio de selección para un ciclo que pretende non ser primeiro e último nunha cidade inaudita que mira ao mar con desasosego.