PRESENTACION DE XOSÉ MANUEL ALBÁN, AUTOR DA EXPOSICIÓN "A VOZ DA TERRA"
A exposición A voz da terra é unha interpretación visual da obra poética de Uxío Novoneyra, unha mirada estética e plástica que pon luz ás verbas máxicas da terra que o poeta, mellor que ninguén, soubo captar e transmitirnos.
A colección de fotografías que compoñen esta exposición non é descritiva, senón interpretativa. Partindo das impresións que suxiren os poemas de Uxío, recréase nesta obra un universo que, a modo de pintura, vai dende modelos clásicos ata impresionistas e surrealistas.
ACTUACIÓN DO GRUPO OURIOL
Presenta o seu espectáculo O Ramallo de Prata, unha proposta poético-musical con poemas de Uxío Novoneyra.
Para este recital, Eva Veiga realizou unha estudada escolla poética que quere ser un abano significativo do conxunto da obra lírica do autor ao que se lle adica o Día das Letras Galegas 2010.
A selección abrangue as principais obras do poeta do Courel, nomeadamente Os Eidos, Do Courel a Compostela e Os Poemas da doada certeza...
O espectáculo pretende ser un achegamento ao universo poético de Novoneyra, con especial atención á súa relación coa natureza. Nese senso, os músicos buscarán na sonoridade dos castiñeiros de Seoane, das noces e os paxaros da Devesa da Rogueira, a súa inspiración á hora de crear o ambiente sonoro da peza.