Utilice el tamaÑo de texto de su navegador par ahacerlo mas grande

      
 
 

SAÚDO DO CONCELLEIRO


A palabra, como eixo central da comunicación, ten en Vigo un espazo  preferente, ao que virtualmente acabas de achegarte: O Verbum – Museo Casa das Palabras, ubicado nun contorno privilexiado da nosa cidade, na praia de Samil. A palabra é a base deste proxecto museístico, deste espazo interactivo sobre todos os ámbitos relacionados coa comunicación humana, deseñado como un espazo cultural, lúdico e divulgativo no que todas as persoas que se acheguen poden participar dun modo activo nos elementos expositivos. O museo ofrece ademais unha ampla programación de actividades complementarias dirixidas a públicos de todas as idades e sobre as que se pode obter cumprida información nesta páxina web para estar ao día. A oferta inclúe proxeccións audiovisuais, obradoiros, conferencias, actuacións musicais, actividades interactivas coas novas tecnoloxías e contacontos, entre outras.

A interacción é un dos aspectos básicos das palabras, e de igual xeito, a interacción é unha das características fundamentais deste museo. Pero como espazo acolledor de múltiples palabras, o Verbum tamén quere ser un punto de encontro e difusión das diversas manifestacións da nosa cultura, como é a do patrimonio inmaterial galego-portugués, no que actualmente estáse a traballar. Na ampliación e enriquecemento do noso patrimonio non podemos deixar de mencionar a figura de Xosé María Álvarez Blázquez, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008, quen ademais de desenvolver en Vigo boa parte do seu traballo arqueolóxico, deixou escritos fermosos versos:

                        Era un airiño suave
                        que se erguéu pola mañán
                        e viña de non se sabe.

                        Era un recendo de rosas
                        da roseira de ningures,
                        que se metéu pola porta.
           
                        Era unha cantiga leda
                        que nacía non sei onde
                        e petaba na fiestra.

                        Era unha gracia sotil
                        que baixaba das estrelas...
                        ¡Eras ti!

Como concelleiro de Cultura quero darvos a benvida a este espazo adicado á palabra e animarvos a visitalo e disfrutar coas súas múltiples posibilidades, tanto no que respecta a súa exposición permanente, articulada en catro grandes bloques de linguaxe e comunicación, literatura, ciencias e tecnoloxía, como ás mostras e obradoiros temporais.


                                            Xesus López Carreira
                                            Concelleiro de Cultura do Concello de Vigo

 

 
     
  VERBUM | Avda de Samil Nº 17 | 36212 Vigo (España)| verbum@vigo.org | Teléfono +34 986 240 130 | Fax +34 986 240 633