Cubo C. O que non chora... non mama, di o refraneiro popular. E é que o choro é a forma primeira na que nos comunicamos os humanos. Unha serie de fotografías amósannos as diferentes etapas de crecemento e aprendizaxe da fala dos nenos cun sistema que permite escoitar os sons que se xeran en cada unha desas etapas. Tamén inclúe unha gráfica cronolóxica da aprendizaxe da linguaxe.
Cubo D. Falando coa cara. O noso rostro é capaz de expresar unha infinidade de ideas e pensamentos. O módulo amosa dez imaxes da cara dun mimo mostrando diferentes sentimentos. No medio delas, un espello no que o visitante pode imitar os xestos do mimo ou crear uns propios. Tras o espello unha cámara rexistra estes xestos e móstraos nunha pantalla noutro lateral do cubo.
A linguaxe do corpo. Pero non soamente falamos coa cara, senón con todo o corpo. De feito, nunha conversa normal moita da información que queremos transmitir o facemos a través da comunicación xestual. O espectador pode ver fotografías de persoas realizando diferentes xestos que representan accións ou sentimentos concretos facilmente identificables.
Cubo P. Arquivo Pacheco. Dise a miúdo que unha imaxe vale máis que mil palabras, e é que a comunicación visual ten unha gran importancia na nosa vida cotiá. Este cubo, adicado a Jaime Pacheco, fotógrafo da cidade, amósanos o funcionamento dunha cámara fotográfica, permitíndonos vivir a experiencia de introducirnos no interior dunha cámara escura xigante.
CuboT. Linguaxe musical. A música é un xeito diferente de expresarse cunha linguaxe e un código escrito propios. Quizais sexa difícil para alguén non iniciado descifrar ese código, pero no hai dúbida de que todos somos sensibles ás mensaxes (emocións, estados de ánimo) que a música pode transmitir.
Cubo B. Antigas mensaxes. Ao longo da historia teñen aparecido diferentes formas de escritura (pintura rupestre, escritura cuneiforme, escritura chinesa, escritura grega, escritura latina, etc.), algunhas das cales poden ser observadas polo espectador na sucesión de paneis e soportes nos que presenta o cubo. Indícase a cronoloxía, localización xeográfica e posible interpretación das mensaxes que se reproducen.
Cubo H. Perigo de extinción. Existen moitas linguas e dialectos que nun mundo cada vez máis globalizado están ao borde da extinción. O cubo presenta a escenografía dun cemiterio con linguas enterradas, a medio enterrar… Escóitanse gravacións de textos literarios en diferentes idiomas a piques de desaparecer. Hai que asociar cada unha delas á rexión de Europa na que se falan.
Cubo E. Mensaxes baixo segredo. As mensaxes cifradas ou en clave non son soamente algo das películas de espionaxe, senon que foron moitas veces utilizadas polos gobernos e exércitos para ocultar os seus plans a posibles inimigos. Neste cubo proponse un xogo de deducción, pois o visitante terá que ir resolvendo mensaxes cifradas ó longo da súa visita polo museo. As solucións atópanse no Cubo X. Criptoanalistas.
Cubo Z. Xogando coas letras. Existen moitas maneiras de xogar coas palabras e as letras. Neste cubo preséntanse distintos paneis nos que aparecen varios xogos baseados no coñocemento de palabras: Anagramas, Lipogramas, Pentavocalismos, Monovocalismos...Tamén hai unha mesa con catro cadeiras con xogos comerciais sobre letras nos que o visitante pode participar activamente. |